domingo, 9 de janeiro de 2011

Os "galego-irlandeses"

* Tomado de aquí.


En Galicia existen moitos apelidos de orixe irlandesa e unha relación sementada durante séculos. Un dos episodios máis sobranceiros nesta relación galego-irlandesa é o da sublevación de Irlanda de 1601.



Ese ano, Felipe III recrutou un exército nos reinos de Galicia e Castela que enviou a Irlanda a socorrer aos irlandeses que se sublevaran contra os colonizadores ingleses e que eran apoiados polo Arzobispo de Dublín, que fora abade do convento dos franciscanos de Santiago de Compostela. Centos de galegos desplazáronse a Irlanda ao mando do Alfonso Ocampo para axudar aos rebeldes.


A maior parte do exército castelán perdeuse no oceano e foi capturada polos ingleses ao chegar a terra, mentres que a outra, a comandada por Ocampo, conseguiu xuntarse co líder rebelde, o conde O'Donnell. As tropas galegas e irlandesas fixeronse fortes en Kinsale. Alí loitaron e morreron moitos galegos. Pero os ingleses gañaron a batalla e ordenaron o desloxo da zona baixo pena de morte. Comezou entón unha "doma e castración" de Irlanda a semellanza do acontecido en Galicia séculos antes e os nobles ingleses desplazaron aos irlandeses.



Entón miles de irlandeses, acompañados polos supervivintes galegos, abandonaron a illa. Moitos deles recalaron en Galicia que os acolleu cos brazos abertos e que tanto lles semellaba a súa patria. En 1603 fundaron o colexio irlandés en Santiago. Aínda se pode observar a ascendencia irlandesa de moitos galegos nos moitos apelidos de orixe gaélica que subsisten na zona norte de Galicia.