Basicamente para ter un lugar onde gardar os esquemas e resumos que vou facendo da carreira de Historia da UNED.
Estudiar Historia pola UNED en Galicia é un pouco enervante. Primeiro, esquécete da túa lingua (para que despois digan que “se está imponiendo el gallego”); despois, acostúmate a ver títulos como “La tormenta de las invasiones bárbaras”, capítulo de Hª Antiga de España (o nome da asignatura xa indica co que te vas atopar) no que o Reino Suevo de Galicia se despacha en tres páxinas e media. E así cada día.
Os libros da UNED non é que estén mal, que son moi didácticos e iso, pero con respecto ao noso país sempre coxean do mesmo pé; ¡en Catalunya, polo menos, teñen algunha optativa sobre a Historia propia! Todo isto pode compensarse se che tocan bos profesores tutores, pero os que somos vagos e non imos a clase, nin á única clase que temos á semana, xa se sabe…
Chámome Paula e vivo nunha parroquia do sul de Lugo, dende onde se pode estudar por conta propia. Leva tempo (sobre todo se fas outras cousas) e custa cartos, aínda que aforras en aloxamento, comida, roupa, transporte e outros accesorios necesarios na Universidade presencial. Bótase un pouco de menos Santiago, aínda que nunca estudie alí - curiosa paradoxa -, que o primeiro ano estiven en Ourense pero, cando vou repasar os apuntes ca Pisca ao cima do monte que hai por tras da miña casa doume conta do ben que vivo.